O último trimestre do ano é a época das renovacións de seguros, un momento no que, por axilizar os trámites, faise de maneira automática. Mostra diso, son as renovacións de seguros de entidades bancarias, que non avisan aos  tomadores das pólizas do devandito proceso, resultando moi complicado que estes poidan cancelar o seguro que en moitas ocasións impúxoselles.

De feito, cada día hai máis casos nos que un cliente dun banco tivo que asinar un seguro como obrigación para mellorar as súas condicións á hora de pedir un produto financeiro. Por exemplo, a diminución dos intereses da hipoteca se se contrata ademais un seguro de fogar. Nese momento o cliente asina pensando en anular o seguro en canto sexa posible, debido á obrigatoriedade do mesmo, pero o paso do tempo e a dificultade, en moitos casos, dos trámites fai que esa cancelación nunca chegue.

E disto válense as entidades bancarias para seguir renovando uns seguros que teñen peores coberturas que as pólizas contratadas fóra dos bancos.

Por esta razón, desde  AGACOSE recomendan:

–          Apuntar a data de renovación e o prazo en que se pode cancelar dita póliza.

–          Realizar o trámite con marxe suficiente para cumprir os prazos dos trámites administrativos.

–          Achegar unha carta de renuncia

–          Contar coa axuda dun profesional especializado, o corredor de seguros que che axudará e guiará con todo o proceso

–          Denunciar a situación da man do teu mediador de seguros

En resumo, é imprescindible coñecer os dereitos que se teñen como consumidor e, aínda que se atope baixo o marco legal, argumento ao que se acollen as entidades bancarias, segue sendo mala praxe para cos clientes. Desde a Asociación galega remarcan a importancia de cancelar ese seguro e denunciar a práctica abusiva canto antes.