Co motivo da fin do Estado de Alarma o pasado 9 de maio e a chegada do verán, os desprazamentos aumentaron, especialmente en coche, xa que ofrece unha maior sensación de seguridade fronte a outros medios de transporte como trens, avións ou autobuses.

Pero as viaxes en coche malia que son mais tranquilas requiren dunha preparación previa do vehículo, como a revisión dos freos, aceite, rodas, etc, así como revisar ben as coberturas do seguro que se contratou, para que en caso de accidente ou avaría coñezamos que nos cobre exactamente.

 

Por isto, é importante coñecer os tipos de seguro que existen e o que supón cada un deles:

 

  • Seguro a terceiros. Este tipo de póliza é a mais sinxela e básica e o mínimo que exixe a lei para poder circular. Debe incluír a responsabilidade civil que cobre os danos materiais e persoais que o coche ocasione a terceiros. O coche asegurado e o seu condutor quedan fóra da protección deste seguro obrigatorio.
  • Seguro a terceiros ampliado. As compañías aseguradoras empezaron a incluír nos seguros obrigatorios outras coberturas atendendo ás necesidades dos condutores. Algunhas delas son, os danos por incendio, roubo do vehículo ou rotura dos parabrisas.
  • Todo risco. Os seguros de coche a todo risco ofrecen unha completa gama de coberturas, asistencias en estrada e servizos para o condutor e o seu vehículo. Ademais das obrigatorias incorporan todas as que completan as pólizas a terceiros. Neste caso o vehículo asegurado e o seu condutor si están cubertos fronte a un accidente.

 

Unha vez que sabemos os tipos de seguros que existen, debemos poñer atención a outros aspectos para aproveitar ao máximo o noso seguro e non cometer erros. Por isto, é importante coñecer que cobre a nosa póliza e que aspectos poden influír nas coberturas do noso seguro.

 

  • Escribir mal os datos. Ter un despiste ao escribir os datos técnicos do vehículo pode facer que o parte quede mal rexistrado e polo tanto que a aseguradora non poida facerse cargo do sinistro.
  • Non estar ao día coas primas. É algo obvio pero que ocorre en ocasións. Non ter abonado os recibos dálle dereito á entidade a non cubrir o sinistro ou a avaría.
  • Engadir accesorios non homologados ao vehículo. Todos os accesorios que non veñan de serie co vehículo ou as modificacións posteriores deben ser homologados e o seguro debe sabelo.
  • Circular por vías de terra. Nesta ocasión non depende do propietario do vehículo, senón da póliza contratada. Algunhas aseguradoras non cobren os danos dun accidente ou non prestan asistencia en estrada se o vehículo circula por unha vía sen asfaltar.
  • Circular con cargas superiores: Coas viaxes longas en verán, os coches van cheos de equipaxe. Hai que ter en conta que se tes un accidente co vehículo cargado por riba do que deberías, o seguro pode que non cho cubra. O peso máximo que pode cargar un vehículo soe vir especificado na ficha técnica. Tendo en conta tamén o peso dos pasaxeiros.
  • Omisión de socorro. Cando un vehículo estea implicado nunha colisión, haxa ou non vítimas, e se da á fuga está cometendo un delito. Polo tanto a aseguradora non o protexe.
  • Asistencia en estrada. Ademais das coberturas en caso de accidente, cando realizamos unha viaxe de longa distancia debemos ter en conta a asistencia en estrada que ofrece a aseguradora e as súas condicións. Algúns aspectos chave desta cobertura son os quilómetros de distancia do domicilio nos que empeza a asistencia, se están cubertos os motivos máis comúns que impiden ao coche circular ou se está incluído o vehículo de substitución.

 

 

Por todo isto, para elixir as coberturas que mais conveñan a cada un, e que se axusten a cada situación, o mellor é acudir a un corretor de seguros, quen  analizará cada situación e ofrecerá o mellor seguro para cada persoa. Ademais, en caso de sufrir calquera sinistro, acompañará na xestión dos trámites coas aseguradoras. Por isto, dende AGACOSE apostan por #consultacontucorredor, para que che axude ante calquera dúbida.