Ante o incremento de prácticas abusivas por parte dos bancos, consistentes en condicionar a concesión dun préstamo á subscrición dun seguro de vida, dende AGACOSE inciden en recordar o que se establece no artigo 83.a da Lei de Contrato de Seguro ao respecto.
Segundo dito artigo, o tomador nun contrato de seguro individual, cunha duración superior a seis meses, terá a facultade unilateral de resolver o contrato sen indicación dos motivos e sen penalización algunha dentro do prazo.
Como se observa, a facultade de resolución non está condicionada a ningún feito, máis alá do prazo en que a mesma se pode realizar: 30 días dende que o asegurador entregue dita póliza.
Este tipo de prácticas ilegais por parte das entidades financeiras, no momento en que o cliente solicita un préstamo; non só eliminan a súa facultade de libre elección, senón que ofrecen seguros que son considerablemente mais caros que aqueles que normalmente se comercializan. Seguramente debido ás elevadas comisións que se establecen para o distribuidor, neste caso, a entidade financeira.
Por outra parte, cómpre destacar que en moitos casos ofrécese unha póliza con prima única, polo que é frecuente que o entidade prestamista teña que incluír no crédito o importe da mesma.
De acordo co exposto, pódese concluír que, todo está concibido para que sexa un negocio redondo para os bancos, xa que se subscribe unha póliza extremadamente cara, cun pago único, e abónase o importe da póliza cos correspondentes intereses.
Por este motivo, AGACOSE pon a disposición dos seus socios e clientes un documento, onde o tomador do seguro resolve o contrato subscrito, e ante o cal a entidade aseguradora nada pode opoñer.
Ademais, dende a Asociación insisten en que o único requisito que se debe cumprir é temporal, non existindo ningún outro, e recordan que a comunicación á entidade aseguradora débese realizar por calquera medio que permita acreditar recepción, contido, e data de envío.
Podes solicitar toda a información enviando un correo electrónico a agacose@agacose.com