Tras 14 meses de peches perimetrais e restricións de mobilidade, o estado de alarma chegou á súa fin, e as ganas de saír das cidades e cambiar de entorno é unha realidade. Así o demostran as cifras desta ponte do Día das Letras Galegas, no cal os galegos saíron dos seus fogares ben sexa para visitar outra provincia ou para facer unha escapada rápida.
Sen dúbida, a relaxación das medidas permitiu gozar da ponte e recuperar as ganas de viaxar. Ademais, o incremento das reservas de hoteis, voos e aloxamentos demostran que os galegos ven con optimismo a tempada de verán. Pero non podemos esquecer que seguimos inmersos aínda na pandemia e que o risco de viaxar segue estando presente.
Por isto, o mellor é facelo con seguridade, non só en canto a medidas sanitarias, que tamén, senón grazas aos seguros de asistencia ou viaxe, que cobren calquera accidente ou eventualidade que poida ocorrer. De feito, a incerteza coa que vivimos dende o pasado ano fixo que só no 2020 a contratación de seguros de viaxe aumentara nun 226%, respecto aos anos previos á pandemia, grazas ás súas coberturas especiais como cancelación ou asistencia sanitaria.
Ante o incremento de reservas, a Asociación Galega de Corretores e Corretorías de Seguros (AGACOSE), dentro da súa iniciativa #consultacontucorredor, informa sobre as características destes seguros, insistindo na importancia de acudir a un corretor de seguros, para que che asesore sobre as mellores coberturas que se adaptan á situación persoal de cada viaxeiro.
Pero, que cobre un seguro de viaxe?
- Asistencia médica nacional e internacional as 24 horas e gastos derivados da hospitalización, probas PCR ou tratamentos.
- No caso de daren positivo por enfermidade da COVID-19 antes da viaxe, numerosas pólizas ofrecen a opción de recuperar os gastos de cancelación e no caso de dar positivo no lugar de destino, inclúese a prolongación da estancia no hotel.
- Regreso anticipado no caso de sufrir problemas importantes na túa familia ou no domicilio: hospitalización prolongada, enfermidade ou accidente, incendios, roubos, inundacións…
- Problemas coa equipaxe: no caso de demora xestionarase a localización e entrega e en casos de perda ou roubo da maleta, o seguro farase cargo dos gastos ou danos económicos.
- Repatriación de viaxeiros por falecemento, normalmente en aquelas pólizas contratadas para viaxes internacionais, debido á complexidade do asunto e aos requisitos legais de cada país.
- Se se produce un retraso ou cancelación do servicio contratado, debemos saber que temos dereito a recibir unha indemnización conforme á lei. O seguro de viaxe facilitaranos a xestión da incidencia e garantirá o aforro dos gastos derivados.
- En caso de viaxar coa túa mascota, tamén é importante contratar unha póliza de viaxe que cubra a asistencia veterinaria en caso de enfermidade ou accidente.