Dende AGACOSE unímonos, unha vez máis, nunha campaña solidaria de recadación de fondos en apoio ao pobo ucraíno.

Esta acción é outra mostra do noso compromiso coa axuda humanitaria internacional, crucial nestes momentos. A situación de extrema gravidade, que está provocando millóns de desprazados a outros países europeos, require dunha resposta á altura dunha catástrofe humanitaria de tal calibre. Cómpre demostrar a nosa solidariedade como xa fixemos noutras situacións de crise. Animámosvos a participar coa cantidade que consideredes, pois cada euro conta, cada axuda, por pequena que sexa, traducirase en alimentos e bens de primeira necesidade para milleiros de familias.

Dende AGACOSE colaboraremos con 1.000€ á causa e as nosas doazóns irán destinadas a unha Organización sen ánimo de lucro que canalizará as achegas destinadas á compra de alimentos e outros bens esenciais, así como material médico, para entregar directamente aos desprazados ucraínos que foxen da crueldade da guerra.

Irémosvos informando sobre as novidades da iniciativa e vindeiras accións incluídas nesta campaña solidaria #AgacoseConUcraína.