Dentro do labor formativo e de actualización constante desenvolvido por AGACOSE, enmárcase a Xornada Técnica que tivo lugar o pasado xoves 7 de abril, en horario de mañá (09:00 a 10:30 h) sobre: ‘A actividade do Corretor de Seguros e a relación e información cos seus clientes’.

Un dos obxectivos da Asociación Galega de Corretores e Corretorías de Seguros é que as súas empresas asociadas realicen un adecuado cumprimento normativo, evitando posibles sancións e responsabilidades das sociedades.

O correcto desenvolvemento da actividade do corretor de seguros e das obrigas de relación e información cos seus clientes é un dos puntos básicos nos que se debe fundamentar calquera programa de compliance.

Atendendo a esta premisa, esta Xornada estruturouse en base aos seguintes contidos: os distribuidores de seguros en España, as actividades prohibidas para o corretor, os órganos de decisión, administración e distribución, a relación cos clientes, as políticas de transparencia ou as obrigas de información, entre outras cuestións de interese que revirten no coñecemento polas organizacións dos procedementos e das boas prácticas para identificar e clasificar os riscos e, en definitiva, mellorar a súa cualificación profesional.

Para se inscribir no webinar gratuíto unicamente foi preciso cubrir o formulario de inscrición no enlace que AGACOSE envía a través da súa news dixital. Aqueles asistentes, que ao remate da sesión superaron a proba de aproveitamento, reciben a correspondente acreditación de formación, que pode incluírse nos programas de formación continua das súas empresas.