A Asociación Galega de Corredores e Corredurías de Seguros (Agacose) celebra o vindeiro xoves, día 6 de outubro, o seu congreso anual no Hotel San Francisco Monumento de Santiago de Compostela, cun completo programa de conferencias e mesas de debate das máis diversas temáticas de interese para o sector.

Esta será xa a décimo primeira edición, e como vén sendo un dos obxectivos da Asociación dende a súa creación, incidirase na mellora da competitividade a través da formación e actualización de coñecementos e recursos para os asociados, así como no incremento da visibilidade da profesión e da propia corporación, xerando oportunidades de comunicación e establecendo sinerxias entre os socios e as compañías, a través duns contidos ambiciosos e a cargo de expertos en intelixencia artificial, en dereito dixital, en canles de distribución ou no posicionamento dos seguros na era do metaverso, entre outras cuestións clave a nivel tecnolóxico, xurídico, etc., ademais da sinatura do convenio Codeoscopic e un anticipo da que será a campaña corporativa de Agacose, a desenvolver en diversos medios en vindeiras datas.

A Xornada, que será conducida por Luis Iglesia, recoñecido actor lugués, iniciarase ás 10h coa recepción de asistentes e apertura das intervencións a cargo de Pablo Lariño, presidente de Agacose, intervindo posteriormente Ángel Blesa Jarque (CEO Grupo Codeoscopic), Román Mestre García (Socio fundador de Melmacia Lab), Ricardo Oliva León (Director de Algoritmo Legal) e Ignacio Pérez Amoedo (Avogado e asesor xuridico de Agacose). A clausura será ao mediodía, logo dun avance da campaña de comunicación de Agacose, tralo cal terá lugar o xantar de confraternidade.

Este XI Congreso conta co patrocinio de Active Seguros, Adeslas, Asefa Seguros, CGPA Europe, Iris Global, Plus Ultra Seguros e Surne Seguros&Pensiones.