O Nadal trae consigo reencontros con familiares e amigos, pero tamén agasallos, especialmente para os máis pequenos que esperan con ansia a Papá Noel e os Reis Magos. Pero todo apunta a que este ano será un pouco máis difícil adquirilos debido, sobre todo, aos problemas de escaseza que estamos a vivir, en parte pola crise do transporte e en parte debido á pandemia cuxos paros provocaron a diminución da produción.

Por todos estes motivos, recomendouse que este ano as compras se fagan con suficiente antelación para garantir, na medida do posible, que todos os agasallos cheguen as casas. Ademais, grazas ao comercio en liña isto é posible, xa que non fai falta que se dispoña de tempo para desprazamentos, senón que dende o propio sofá pódese realizar a compra.

De feito, o ano pasado debido ás restricións polo coronavirus os españois realizaron o 75% das súas compras do Nadal en liña, sobre todo por medo ao contaxio, como reflicte o estudo do Comportamento Consumo Nadal na Era Covid realizado por Elogia.

Este incremento do comercio electrónico, aínda que alcanzou o seu punto máis alto o ano pasado, segue sendo a opción elixida por moitos consumidores, non só pola rapidez de compra e evitar as esperas nas tendas, senón tamén por evitar  contaxios nun momento no que a nova cepa de coronavirus chegou con forza. Por iso,  AGACOSE elaborou unha listaxe cos riscos que hai que ter en conta para non caer en  ciberataques e realizar unhas compras seguras este Nadal:

Suplantación de identidade (Phising). Moitos ciberdelincuentes atacan facéndose pasar por unha empresa ou persoa coñecida, imitando a súa  home e o seu logo para darlle ao comprador unha sensación de seguridade. Adoita pedir datos como  correo electrónico ou teléfono móbil en canto  comeza a navegar, co fin de roubar datos, por iso  é importante asegurarnos de que estamos na web correcta e non dar datos a non ser que sexa de maneira segura.

Dispositivos actualizados. É importante acceder sempre ás últimas versións do navegador e do software dos dispositivos móbiles desde os que quere realizar a compra, para evitar brechas de seguridade e ataques de  malware que estean adheridos ás versións máis antigas.

Antivirus e cortalumes. Non contar con estas solucións pode provocar un aumento dos   ciberataques xa que os dispositivos sen estes programas son máis susceptibles de ser atacados por ciberdelincuentes e poden provocar graves problemas de roubo de información. De feito, moitas persoas creen que só ás empresas son atacadas, pero a porcentaxe de afectados por malware nas súas contas persoais está en aumento. Por este motivo, se optas por mercar en liña este Nadal, o mellor é que os dispositivos dos que se vai a facer uso estean debidamente protexidos.

Redes domésticas seguras. Un dos maiores accesos para os piratas informáticos  son as redes domésticas que están desprotexidas e desde as que teñen fácil acceso aos dispositivos vinculados a esa rede, por iso, cada vez mais atópanse no mercado diferentes opcións para evitar brechas de seguridade nas nosas redes domésticas e así poder realizar unha navegación segura.

Certificados de seguridade. É fundamental garantir que as páxinas web que se visitan dispoñan deste certificado que garante unha conexión segura e que ten como principal obxectivo  protexer información confidencial como a que facilitamos no momento da compra.

Contrasinais fortes. Á hora de facer compras en liña adoita solicitarse un rexistro para poder completar o proceso, pero hai que ter en conta o uso de contrasinais, non sempre ten que ser o mesmo e debe ser seguro, é dicir, utilizar caracteres distintos, ser alfanuméricos e alternar maiúsculas e minúsculas, para  dificultar o hackeo.

Non usar wifi públicos. Se un dispositivo accedeu a este tipo de redes públicas é importante saber que é máis susceptible aos ciberataques e ao roubo de información, xa que este tipo de puntos de acceso a internet adoitan ter unha protección baixa, polo que presentan grandes lagoas de seguridade. Por iso, se se pretende empregar por causas de forza maior como desprazamentos,  é importante que posteriormente se realice unha análise e depuración de ameazas para  garantir o seu correcto funcionamento.

Aplicacións oficiais. Se optas por facer compras a través de aplicacións para dispositivos móbiles,  debes ter en conta que hai que instalar as oficiais e asegurarte sempre  de ler as críticas nas tendas de descarga online. Deste xeito evitamos fraude e ciberdelincuencia.

Correos electrónicos non seguros ou spam. Aínda que quizais sexa o risco máis coñecido hai que lembrar que o spam ten que ser eliminado, ben mediante un clic ou mediante solicitude de datos. Poden ser a porta de ciberataques, polo que é necesario evitar o acceso a este tipo de correos electrónicos.

Uso de tarxetas prepago ou PayPal: para garantir unha compra segura recoméndase utilizar plataformas de pago protexidas, tales como  PayPal ou mediante o uso dunha tarxeta prepago onde só se recarga unha determinada cantidade, co fin de evitar roubos de identidade e económicos. Aínda con esta precaución, se a opción elixida é a través da tarxeta vinculada á conta,  é recomendable comprobar os movementos bancarios unha vez realizadas todas as operacións.

Se, aínda con todas estas precaucións se sofre un  ciberdelito,  o mellor é acudir a denuncialo á policía que dará un protocolo a seguir, e poñerse en contacto canto antes cun informático para desinfectar o dispositivo. Ademais, hoxe en día  e cada vez máis, podemos atopar no mercado seguros de ciberseguridade para particulares que brindan protección en caso de ciberataque.